Isaac Newton foi, seguramente, o físico máis importante de todos os tempos, máis importante ca Einstein, máis importante ca Galileo, máis importante ca Stephen Hawking…
Pois ben, preséntovos a que é, de seguro a súa ecuación máis importante, a coñecida como “Segunda Lei de Newton“:
“F=m·a”
Esta expresión vén a relacionar a forza “F” aplicada a un corpo de masa “m” coa aceleración “a” que adquire.
Así, sen entrar en física moderna, grazas a estas tres letras, podemos estudar o movemento de calquera corpo da vida cotiá con só coñecer as forzas que sobre el actúan.
Expresada en palabras simples, a devandita ecuación nos di que a aceleración que acade un corpo será maior canto maiores sexan as forzas ás que se someta e canto menor sexa a súa masa.
Poñamos un par de exemplos sinxelos para facer máis visual esta expresión.
- Supoñamos que sobre o corpo non actúan forzas, daquela, se “F=0“, a aceleración será tamén nula e polo tanto o corpo non acelerará; é dicir, moverase a velocidade constante. (Este razoamento tamén é coñecido como “Primeira Lei de Newton“).
- Imaxinemos que o corpo ten unha masa moi pequena; entón, a aceleración que gañe será enorme (temos aquí un exemplo parecido ó que lles pasa ós fotóns, as partículas compoñentes da luz).
E así, tres letras, forman a base da Física e con ela, do coñecemento do mundo que nos rodea.
