Estes limóns son realmente amarelos?

Fresh-Lemon

Esta pregunta pareceravos un pouco parva, mais deseguido entenderemos o por que de dita cuestión. Cando miramos un limón, tanto se este é físico ou unha imaxe que vemos no ordenador diremos que a súa cor é amarela. Non obstante, certo é que no primeiro caso o limón é realmente amarelo, pola contra no segundo caso este é aparentemente amarelo.

Pero como pode ser que sexan diferentes se semellan exactamente igual? Para explicar isto debemos entender un pouco mellor como funcionan os receptores visuais dos nosos ollos e como aproveitan isto as pantallas de hoxe en día.

Existen tres tipos de fotoreceptores nos ollos, cada un adecuado para recibir unha determinada cor que no caso dos humanos, xunto con outros moitos mamíferos, son a azul, a verde e a amarela. Desta maneira cada vez que vemos unha desas cores quere dicir que un dos fotoreceptores está sendo excitado mandando dita información ao cerebro. O que sucede no resto das cores é que se excitan varios fotoreceptores ao mesmo tempo, é o caso do limón que mencionábamos nun principio, a súa superficie reflicte a parte do espectro visible correspondente ao amarelo excitando da mesma forma ao receptor verde e ao vermello. Podémolo ver marcado na imaxe. Este digamos que é o amarelo real.

Esquema das partes do espectro visible ás que  cada receptor é máis sensible.

Esquema das partes do espectro visible ás que cada receptor é máis sensible.

Pola contra ao ver unha cor amarela nunha pantalla pasa algo totalmente diferente. A maioría das pantallas forman as imaxes mediante os chamados píxeles, cadriños diminutos que emiten unha cor determinada. Estes válense de tres leds de cores diferentes que coinciden cos dos fotoreceptores dos ollos (seguro que vos soarán o RGB –red, green, blue-)  para producir todas as cores.

Imaxe dos leds de cada cor que ten cada "pixel".

Imaxe dos leds de cada cor que ten cada “pixel”.

Polo que ao ver o limón nunha pantalla, os píxeles non emitirán luz amarela en ningún momento (recordemos que só poden emitir luz vermella, verde o azul) senón que emitirán luz vermella e luz verde nas mesmas proporcións. Desta forma excitará de igual forma aos dous fotoreceptores correspondentes creando a ilusión de que o que estamos a ver é amarelo, cando en realidade é un amarelo falso.

Para entender mellor o que sucede imos considerar o seguinte experimento mental:

Supón que os teus receptores son as túas mans, a esquerda corresponderase co receptor vermello e a dereita co receptor verde (omitiremos o receptor azul para simplificar). Agora supón que colocas as palmas das mans sobre mesa separadas unha certa distancia. Unha vez feito isto eu sitúo unha fonte de calor, simulando fonte luminosa, na cara inferior da táboa da mesa.

Saberías dicirme en que lugar puxen a fonte de calor? Probablemente si. No caso de sintas máis calor na man esquerda que na dereita poderás dicir que a fonte se atopa na esquerda (luz vermella) e o mesmo sucederá no caso inverso (luz verde); se pola contra sentes o mesmo calor en ambas mans dirás que a fonte se encontra no centro (luz amarela real).

Pero que sucedería se teño dúas fontes… Se coloco as dúas nun mesmo sitio o experimento redúcese ao caso anterior. Pero se pola contra coloco unha fonte debaixo de cada man (a mesma cantidade de luz vermella e verde). Ti sentirías a mesma temperatura en cada man polo que dirías que a fonte está no centro non habendo nada nese lugar neste caso. Este ultimo suposto é o que se correspondería co caso do amarelo falso.

Así que temos que aceptar que existe un amarelo real e un amarelo falso e que nos é imposible distinguilos. Así cada vez que vexades unha imaxe dun limón por internet recordade que en ningún momento a pantalla do ordenador está emitindo luz amarela senón que o voso cerebro está sendo enganado sen que vos deades conta.

Máis información | Artigo de Reddit (en inglés)
Sobre os paneis LCD | LCD Monitor Teardown @Youtube (en inglés)

About these ads

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s